Museo do Pobo Galego: XIII Edición da Bienal de Fotografía Etnográfica Entreamigos
Publicada o 31/01/25

A Oficina de Persoas Socias do Museo do Pobo Galego amplía até o 15 de abril o prazo de recepción de traballos para participar na XIII Edición da Bienal de Fotografía Etnográfica ENTREAMIGOS.

Dende o Museo lémbrannos que, dada a especial vinculación do Museo co tema elixido pola Real Academia Galega para as Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras, estas son as liñas propostas:

- O legado da poesía oral e a música tradicional.
- As pandereteiras (e demais intérpretes femininas de instrumentos) e o seu protagonismo na sociedade tradicional galega.
- Festas, foliadas, fiadas, seráns... que reflictan a importancia da tradición oral.

Debido á dificultade para transmitir fotograficamente este tipo de manifestacións da nosa cultura popular, tamén propoñen:

- A indumentaria tradicional. Formas, evolución e usos.
- A arquitectura e a arte tradicionais.
- O legado protoindustrial e industrial de Galicia. Os espazos de traballo (fábricas de salga, de conservas, de chocolates, de gaseosas, obradoiros tradicionais, etc.).

A Bienal está aberta todas as idades.

1. Cada participante entregará entre dúas e catro (2 e 4) fotografías, non inferiores a 20x30 cm, e que virán acompañadas dun breve texto explicativo (non superior a 2.100 caracteres con espazos).

2. Non se poderán enviar por correo electrónico, sendo obrigatorio entregar as copias fotográficas en papel, ben directamente na recepción do MPG (a entrega deberá ir dirixida á Oficina de Persoas Socias do MPG), ou ben por correo ordinario (tamén dirixida á Oficina de Persoas Socias). Tamén deberán ir numeradas na orde na que a persoa autora desexe que se expoñan.

O enderezo postal para remitir os vosos traballos é o seguinte:

Á atención da Oficina de Persoas Socias do Museo do Pobo Galego (13 Bienal “ENTREAMIGOS”).

Museo do Pobo Galego

Costa de San Domingos, 3

15703, Santiago de Compostela (A Coruña)

Como en anteriores edicións, as persoas socias que o desexen, poderán doar as súas fotografías ao Arquivo Gráfico do Museo do Pobo Galego, caso no que deberá acompañarse escrito de formalización da doazón (Acta de Doazón, proporcionada polo MPG).

Para calquera dúbida que puidese xurdir, pregan remitades correo electrónico a: socios@museodopobo.gal, indicando no asunto da mensaxe “Dúbidas ENTREAMIGOS 2025”.

Unha vez recibidos e seleccionados os traballos enviarase a información correspondente sobre a inauguración e a clausura da mostra.

Ficheiros
  • No hay ficheiros en esta noticia.
Relacións
  • No hay relacións en esta noticia.